14/01/2019: A Cámara de Santiago inicia unha campaña para fomentar o espírito emprendedor cooperativo entre os estudantes de Santiago e Ames, en colaboración coa Rede Eusumo da Xunta de Galicia
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará nos meses de xaneiro e febreiro unha ducia de xornadas de fomento do espírito emprendedor cooperativo para estudantes de centros escolares de Santiago, Ames e outros puntos da demarcación cameral. O persoal técnico da Cámara impartirá charlas divulgativas nos colexios e dirixirá visitas guiadas ao viveiro de empresas, situado no número 40 do Polígono de Costa Vella.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2019 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social.
O obxecto das charlas é contribuír ao desenvolvemento das calidades persoais relacionadas co emprendedor desde idades temperás; fomentar as iniciativas emprendedoras desde o ámbito educativo; e informar, sensibilizar e transmitir a opción do autoemprego como una alternativa laboral digna e viable. Ademais, as xornadas están destinadas a transmitir valores empresariais e cooperativos vinculados á economía social, e dar a coñecer as cooperativas e sociedades laborais como formas xurídicas idóneas para a posta en marcha e desenvolvemento de proxectos empresariais.
A Cámara de Comercio de Santiago deseñou estas xornadas cun compoñente claramente didáctico e diáfano, adaptadas aos distintos niveis educativos e culturais dos estudantes. As sesións son de carácter informativo e divulgativo para estimular o autoemprego e o mundo da empresa de economía social como unha posibilidade real de integración no mercado laboral.
O primeiro centro educativo en participar na iniciativa esta ano será o IES Milladoioro. Mañá martes, día 15, un técnico cameral trasladarase ao instituto para dar unha charla divulgativa sobre o autoemprego e o cooperativismo para un grupo de 34 alumnos e alumnas do 4º da ESO, ás 9:40 horas.